A PÍLULA DO DÍA DESPOIS
A PÍLULA DO DÍA DESPOIS
Descúbreo na clínica interactiva
Vídeos
explicativos
Animacións 3D
ANTICONCEPCIÓN DE URXENCIA
pílula do día despois
dalle ó play e escolle
Preservativo
masculino
Preservativo
feminino
Diafragma
Capuchón
cervical
Esponxa
vaxinal
Espermicidas
Pílula
Parche
Anel
Hai máis métodos esperándote
Pílula só
xestáxenos
Inxección
trimestral
Implante
DIU
DIU
hormonal
Ligadura
tubárica
Oclusión
tubárica
Vasectomía
Métodos
naturais
ENDEREZO
Rúa Echegaray, 8
36002 / Pontevedra
CONTACTO
email: info@sogac.org
web: www.sogac.org
Copyright © 2021 SOGAC. Todos os dereitos reservados.
¿En que consiste?
A pílula do día despois atrasa a ovulación, impedindo así a
fecundación do óvulo por parte dos espermatozoides. Non impide a
fecundación se a ovulación xa se ten producido, por iso é máis eficaz
canto antes se tome despois dun coito sen protección.
Eficacia
A taxa de embarazo é dun 2,2% no caso da pílula de levonorgestrel, e dun
1,4% no caso do acetato de ulipristal. Canto máis tempo pase desde a
relación sexual sen protección, menor será a eficacia da pílula postcoital.
1. ¿Ata cando se pode tomar despois dunha relación sen protección?
a) Levonorgestrel (Norlevo®, Postinor®): ata 72 horas (3 días).
b) Acetato de ulipristal (EllaOne®): ata 120 horas (5 días).
2. ¿Onde se conseguen e que prezo teñen?
A pílula de levonorgestrel (Norlevo®, Postinor®) pódese adquirir de forma gratuíta nos Centros de
Orientación Familiar (COF) e nos Puntos de Atención Continuada (PAC).
Ademais, tódalas pílulas postcoitais tamén se poden adquirir nas farmacias, sen necesidade de receita
médica. Os seus P.V.P son:
3. ¿Podo solicitar a pílula sendo menor de idade?
Si. Legalmente, a partir dos 13 anos un menor ten liberdade para establecer relacións sexuais consentidas, e polo
tanto, solicitar medidas contraceptivas como a pílula do día despois, sen necesidade de que os seus pais estean
presentes.
4. ¿Cando está indicado o seu uso?
-Ante unha relación sexual sen usar método anticonceptivo
-Rotura ou retención do preservativo na vaxina, ou non uso do preservativo desde o comezo da relación
sexual
-Esquecemento de dúas ou máis pílulas combinadas
-Atraso de máis de 36 horas na toma da pílulas de só xestáxeno.
-Se o parche se despega máis de 24 horas ou se retrasa máis de 48 horas o seu recambio
-Se o anel vaxinal permanece máis de 3 horas fóra da vaxina
-Atraso de máis de 2 semanas na administración do inxectable trimestral de AMPD
-Expulsión parcial ou completa do DIU
5. ¿Existen situacións que diminúen a súa eficacia?
-Mulleres con sobrepeso ou obesas: a pílula postcoital pode ser menos efectiva, polo que nestes casos o método
de urxencia máis recomendable é a inserción do DIU de cobre.
-Toma de fármacos indutores enzimáticos: se se toman ata 28 días antes poden diminuír a eficacia da pílula
postcoital, polo que nestes casos a inserción do DIU de cobre é o método de anticoncepción de urxencia máis
axeitado. Neste grupo de fármacos inclúense antiepilépticos, barbitúricos, antibióticos (rifampicina, rifabutina),
antirretrovirais (ritonavir) e a herba de San Xoán.
-Toma de fármacos que aumentan o pH gástrico (antiácidos, inhibidores da bomba de protóns, antagonistas
dos receptores H2): poden diminuír a eficacia do acetato de ulipristal.
6. ¿Que ocorre se vomito tras tomar a pílula postcoital?
Se o vómito se produce antes de 3 horas, recoméndase tomar outra vez a pílula.
7. ¿Que sucede se volvo a ter relacións sen protección tras tomar a pílula do día despois?
Deberá tomarse de novo outra pílula do día despois. Esta situación non é recomendable, sendo
aconsellable iniciar o uso dun método anticonceptivo de forma regular.
8. ¿Pódese tomar a pílula do día despois máis dunha vez durante un mesmo ciclo menstrual?
Non existe contraindicación médica, pero a anticoncepción de urxencia débese considerar como unha
segunda oportunidade para previr un embarazo non desexado, nunca como un método anticonceptivo de
uso habitual. Ademais, pódense producir alteracións do ciclo.
9. ¿Cando será a próxima regra?
-Adoita aparecer na data esperada, aínda que a regra pódese adiantar ou atrasar uns días segundo a fase
do ciclo na que se tome a pílula postcoital. Tamén pode aparecer un pequeno sangrado trala toma da
pílula.
-Se a regra se atrasa máis de sete días, deberase realizar un test de embarazo.
10. ¿Cando se pode iniciar/proseguir un método anticonceptivo?
-Preservativo e outros métodos de barreira: pódense iniciar de forma inmediata.
-Pílula, parche, anel: no caso da toma da pílula de levonorgestrel, pódense utilizar ó día seguinte, sendo
necesario o uso dun método de barreira durante a primeira semana. No caso do acetato de ulipristal,
deberanse transcorrer 5 días desde á súa toma ata o comezo do uso da pílula, parche ou anel, sendo tamén
necesario durante a primeira semana o emprego dun método de barreira adicional.
-DIU, implante, inxectable trimestral: pódense iniciar coincidindo coa seguinte menstruación, unha vez
descartada a posibilidade de embarazo.
11. ¿É perigosa para a saúde?
Non. A toma da pílula postcoital non se asocia a complicacións para a saúde.
12. ¿Que efectos secundarios ten?
-Non se teñen descrito efectos secundarios graves. Xeralmente son de carácter leve e remiten
espontaneamente.
-Os máis comúns son as náuseas e vómitos, aínda que con menor frecuencia pódense experimentar dor de
cabeza, molestias abdominais, tensión mamaria, cansazo, sensación de mareo ou sangrado irregular.
13. ¿Existen contraindicacións médicas para a toma da pílula postcoital?
-Non se recomenda a súa toma no caso de insuficiencia hepática grave.
-No caso do acetato ulipristal, tampouco debe usarse en asma grave non controlada.
-Ambas pílulas conteñen galactosa como excipiente, polo que non a deben tomar mulleres con intolerancia
á galactosa.
14. ¿É necesaria unha exploración física ou unha analítica para a toma da pílula postcoital?
-Debido a que a pílula do día despois non ten efectos secundarios importantes sobre a saúde, non é
necesaria ningunha exploración física ou analítica para poder tomala.
-Tan só se deberá descartar a posibilidade dun embarazo xa instaurado, xa que neste caso a pílula
postcoital non sería efectiva.
15. ¿É necesaria unha visita médica de control?
-Non é necesaria unha visita médica de rutina, aínda que é recomendable acudir a unha consulta de
planificación para valorar se o método anticonceptivo utilizado é o máis axeitado.
-Se a regra se atrasa máis dunha semana, aparece dor abdominal ou sangrado irregular prolongado deberá
realizarse un test de embarazo.
16. ¿É unha píldora abortiva?
-Non. É anticonceptiva, porque o seu mecanismo de acción consiste en atrasar a ovulación.
-A pílula postcoital non ten efecto se a ovulación xa se ten producido ou se a muller xa está embarazada.
17. ¿É prexudicial no caso de estar embarazada?
-Non existe evidencia de que a pílula postcoital poida interromper un embarazo nin producir alteracións do
embrión.
18. ¿Pódese tomar durante a lactación?
-Non existe evidencia de efectos adversos para o lactante, polo que o seu uso pode considerarse seguro.