O IMPLANTE
O IMPLANTE
Descúbreo na clínica interactiva
Vídeos
explicativos
Animacións 3D
dalle ó play e escolle
Preservativo
masculino
Preservativo
feminino
Diafragma
Capuchón
cervical
Esponxa
vaxinal
Espermicidas
Pílula
Parche
Anel
Hai máis métodos esperándote
Pílula só
xestáxenos
Inxección
trimestral
Implante
DIU
DIU
hormonal
Ligadura
tubárica
Oclusión
tubárica
Vasectomía
Métodos
naturais
ENDEREZO
Rúa Echegaray, 8
36002 / Pontevedra
CONTACTO
email: info@sogac.org
web: www.sogac.org
Copyright © 2021 SOGAC. Todos os dereitos reservados.
¿En que consiste?
-É un anticonceptivo hormonal de 3 anos de duración. Consiste nunha
pequena vara de plástico flexible (4 cm de longo x 2 mm de diámetro)
que se insire debaixo da pel do brazo.
-O implante libera unha hormona similar á proxesterona que produce
o ovario nun ciclo natural. Suprime a ovulación, impedindo así que en
cada ciclo o ovario libere un óvulo maduro que poida ser fecundado
polos espermatozoides.
¿Cómo se utiliza?
-Insírese a nivel subdérmico na cara interna do brazo non dominante a uns 8-10 cm
do epicóndilo medio do úmero (cóbado). Previamente límpase o lugar de inserción
cunha solución antiséptica e inxéctanse uns 2 ml de anestésico local.
-Trala inserción colocarase unha vendaxe compresiva as primeiras 24 horas para
evitar a aparición de hematomas.
-O implante pódese poñer en calquera momento do ciclo, sempre que non haxa risco
de embarazo.
-Se o implante se coloca entre os días 1º e 5º desde o inicio da regra, é eficaz
desde o primeiro momento. Se se coloca a partir do 5º día, deberá usarse un
método adicional (preservativo) durante unha semana.
-O implante retirarase aos 3 anos, ou antes se a muller o desexa. Para extraelo, tan
só é necesario realizar unha pequena incisión de 2 mm inxectando previamente 1 ml
de anestesia local.
-Trala retirada do implante, recupérase rapidamente a fertilidade. Á semana os niveis
en sangue son indetectables, e o 90% das mulleres ovulan nas 3-4 semanas
seguintes.
Eficacia
-É o método anticonceptivo máis eficaz, superior incluso aos métodos de
esterilización masculina e feminina.
-O índice de Pearl (nº de embarazos/100 mulleres-ano) é de 0,05.
-A súa alta eficacia débese a que non require o cumprimento da usuaria e a
que presenta unha alta taxa de continuidade.
Beneficios
-Alta eficacia anticonceptiva e longa duración
-Método seguro, simple e discreto, non interfire nas relacións
-Non ten riscos de esquecemento.
-Método financiado. Aínda que o seu custo inicial é máis elevado, o feito
que dure 3 anos, fai que o seu prezo sexa similar ao das pílulas
financiadas.
-Non contén estróxenos, polo que se pode utilizar en mulleres nos que
estes están contraindicados (por exemplo, durante a lactación).
-Diminución da dor e do sangrado menstrual, con melloría da anemia.
-Melloría da dor crónica nos casos de endometriose
-Redución do risco de enfermidade inflamatoria pélvica
-Posible protección fronte ao cancro de endometrio e ovario
Inconvenientes
-Produce alteracións no patrón de sangrado: a metade das mulleres
teñen sangrado irregular, e un 20% non ten regras.
-Pode producir síntomas como dor de cabeza, mareos, sensibilidade
mamaria, acne, caída de pelo, aumento da lanuxe, cambios no estado
de ánimo, aumento de peso ou reaccións locais no lugar de inxección.
-Non protexe das infeccións de transmisión sexual, polo que se
deberá empregar o preservativo se hai risco de contaxio.
Contraindicacións
-Antecedente de enfermidade tromboembólica venosa ou arterial
-Lupus eritematoso sistémico con anticorpos antifosfolípidos positivos
ou descoñecidos
-Cirrose grave ou tumor hepático
-Cancro de mama actual ou pasado
1. ¿Doe colocalo ou quitalo?
Non. Tanto a inserción como a retirada realízanse con anestesia local, polo que as molestias son similares ás
dunha inxección.
2. ¿Que requisitos son necesarios para usar o implante?
É recomendable unha entrevista clínica cun profesional sanitario para:
-Descartar que existan contraindicacións para usar o implante.
-Asesorar sobre o método, explicando os cambios no patrón de sangrado, e resolver posibles dúbidas.
3. ¿Que controis se deben realizar tras empezar a usar o implante?
-Non é necesaria unha visita específica de control. De todos os xeitos, sempre se debe acudir a consulta ante
calquera dúbida ou problema.
4. ¿Cales son os efectos secundarios máis frecuentes?
-Dor de cabeza, mareos, molestias mamarias: poden aparecer durante os primeiros días de uso. Se
persisten, débese valorar un cambio de método.
-Sangrado irregular: máis frecuente nos primeiros meses, tendendo a diminuír en frecuencia e
intensidade co tempo. Non indica perda de eficacia, nin ten risco de anemia. Un 20% das mulleres pode
experimentar sangrado frecuente ou prolongado. Aproximadamente o 11% das mulleres abandona o uso
do implante o primeiro ano por estar incómodas co patrón de sangrado.
-Ausencia de regra (amenorrea): ocorre no 20% das usuarias. Non ten efectos prexudiciais para a saúde, e
pode representar unha vantaxe para moitas mulleres.
-Aumento de peso: sucede no 12% das mulleres. Débese coidar a dieta e realizar exercicio para
contrarrestalo.
-Acne, caída de pelo, aumento da lanuxe: preséntanse con menor frecuencia, sendo a maioría das veces
de carácter leve.
-Alteracións do estado de ánimo: poden aparecer nunha pequena porcentaxe de mulleres. De todos os
xeitos, sufrir unha depresión no pasado non contraindica o uso do implante.
5. ¿Produce aumento de peso?
-Na maioría das mulleres non se produce un cambio significativo.
-Un 12% das mulleres pode experimentar un incremento de peso. Débese coidar a dieta e realizar exercicio para
contrarrestalo.
6. ¿É efectivo o implante en caso de vómitos ou diarrea?
-Si, posto que a súa absorción non se ve alterada, como ocorre no caso da pílula.
7. ¿Poden certos fármacos diminuír a eficacia do implante anticonceptivo?
Si. Aínda que coa maioría non se producen interaccións, certos medicamentos poden diminuír a eficacia
do implante:
-Antiepilépticos e barbitúricos: fenitoína, fenobarbital, clorpromazina, carbamazepina, oxcarbamazepina,
topiramato, primidona, etosuximida.
-Antibióticos: rifampicina, rifabutina, griseofluvina.
-Antirretrovirais: inhibidores da proteasa reforzados con ritonavir, inhibidores non nucleósidos da
transcriptasa inversa: nevirapina, efavirenz.
-Herba de San Xoán.
8. ¿Cando se debe colocar o implante?
Existen 2 opcións:
-Habitualmente o implante colócase entre os días 1º e 5º desde o inicio da regra. Desta forma o implante
é efectivo desde o primeiro día, polo que non é necesario usar ningún método anticonceptivo adicional.
-Tamén se pode colocar o implante en calquera momento do ciclo (quick start), sempre que se descarte a
existencia dun embarazo. Usado así o implante tarda 7 días en ser efectivo, polo que durante a primeira
semana débese utilizar un método anticonceptivo adicional (preservativo), no caso de ter relacións
sexuais.
9. ¿A partir de que momento é eficaz?
-Se se coloca o implante nos primeiros 5 días desde o inicio da regra, xa é eficaz desde o primeiro día.
-Se se empeza a usar o implante noutro momento do ciclo, tarda 7 días en ser eficaz. Polo tanto, nesa
primeira semana é necesario usar outro método anticonceptivo adicional (preservativo), se se manteñen
relacións sexuais.
10. ¿Existe un límite de idade para usar o implante?
-Non. En ausencia de contraindicacións, o implante pode usarse ata a menopausa.
11. ¿Poden usalo as adolescentes?
Si. Debido á súa alta eficacia e seguridade, considérase un dos mellores métodos para previr o embarazo
nas adolescentes.
12. ¿Que pasa se coloco o implante estando embarazada?
Non existe evidencia de que o implante produza malformacións no bebé ou complicacións no embarazo.
De todos os xeitos, o implante debe retirarse.
13. ¿Pode causar infertilidade?
-Non. A anticoncepción hormonal non afecta á fertilidade posterior.
-Trala retirada do implante, recupérase rapidamente a fertilidade. Á semana os niveis en sangue son
indetectables, e o 90% das mulleres ovula nas 3-4 semanas seguintes.
14. ¿Protexe fronte ás infeccións de transmisión sexual (ETS)?
Non. O preservativo é o único método que protexe fronte ás ETS. Polo tanto, nas relacións de risco, débese
usar tamén sempre o preservativo.
15. ¿Ten efecto sobre o desexo sexual?
Na maior parte das mulleres a función sexual non experimenta cambios e mesmo mellora, xa que
desaparece o medo a un embarazo non desexado. Non obstante, nunha minoría de mulleres pode
ocasionar diminución do desexo sexual.