A PÍLULA DE SÓ XESTÁXENOS (MINIPÍLULA)
A PÍLULA DE SÓ XESTÁXENOS (MINIPÍLULA)
Descúbreo na clínica interactiva
Vídeos
explicativos
Animacións 3D
dalle ó play e escolle
Preservativo
masculino
Preservativo
feminino
Diafragma
Capuchón
cervical
Esponxa
vaxinal
Espermicidas
Pílula
Parche
Anel
Hai máis métodos esperándote
Pílula só
xestáxenos
Inxección
trimestral
Implante
DIU
DIU
hormonal
Ligadura
tubárica
Oclusión
tubárica
Vasectomía
Métodos
naturais
ENDEREZO
Rúa Echegaray, 8
36002 / Pontevedra
CONTACTO
email: info@sogac.org
web: www.sogac.org
Copyright © 2021 SOGAC. Todos os dereitos reservados.
¿En que consiste?
-É unha pastilla con efecto anticonceptivo que se toma diariamente
por vía oral. Contén unha hormona similar á proxesterona que
produce o ovario nun ciclo natural.
-Suprime a ovulación, impedindo así que en cada ciclo o ovario libere
un óvulo maduro que poida ser fecundado polos espermatozoides.
¿Cómo se utiliza?
-Habitualmente comézase a tomar o primeiro día de regra.
-Tómase durante todos os días, sen descanso. Ao acabar os 28 comprimidos
dun envase débese empezar inmediatamente co seguinte.
-Todos os comprimidos son do mesma cor, xa que todos son activos (non hai
comprimidos de placebo).
-É conveniente tomala sempre no mesmo momento do día. Recoméndase
escoller un momento cómodo e que sexa fácil de lembrar, asociado a algo que
se faga todos os días, tanto en semana como en fin de semana (por exemplo,
ao lavar os dentes, ao comer, ao deitarse, etc.). Tamén é útil pór unha alarma no
móbil, apuntando o día no cal se comezou o envase.
Eficacia
-Ten unha elevada eficacia para evitar un embarazo non desexado, aínda que
esta eficacia é menor comparada con outros métodos, como o DIU, o implante
e a esterilización masculina ou feminina. O principal inconveniente da pílula é
que depende dun cumprimento estrito por parte da muller. Os erros e
esquecementos son frecuentes, diminuíndo así a eficacia do método.
-O índice de Pearl (nº de embarazos/100 mulleres-ano) é de:
- 9 na poboación xeral (uso típico)
- 0,3 naquelas mulleres que a usan sempre de forma correcta e sistemática,
sen esquecementos (uso perfecto)
-Para aumentar a súa eficacia anticonceptiva, é recomendable o uso conxunto
co preservativo (dobre método). Co preservativo obteremos unha elevada
protección sobre as infeccións de transmisión sexual (ETS), e asociado á pílula
aumentaremos a eficacia anticonceptiva.
Beneficios
-Non contén estróxenos, polo que se pode utilizar en mulleres nos que
estes están contraindicados (por exemplo, durante a lactación).
-Diminución da dor e do sangrado menstrual, con melloría da anemia.
-Melloría da dor crónica nos casos de endometriose
-Redución do risco de enfermidade inflamatoria pélvica
-Posible protección fronte ao cancro de endometrio e ovario
-Método financiado
Inconvenientes
-Produce alteracións no patrón de sangrado: a metade das mulleres
teñen sangrado irregular, e un 20% non ten regras.
-Pode producir síntomas como dor de cabeza, mareos, sensibilidade
mamaria, acne, caída de pelo, aumento da lanuxe, cambios no estado
de ánimo ou aumento de peso.
-Non protexe das infeccións de transmisión sexual, polo que se
deberá empregar o preservativo se hai risco de contaxio.
Contraindicacións
-Antecedente de enfermidade tromboembólica venosa ou arterial
-Lupus eritematoso sistémico con anticorpos antifosfolípidos positivos
ou descoñecidos
-Cirrose grave ou tumor hepático
-Cancro de mama actual ou pasado
1. ¿Que requisitos son necesarios para tomar a minipílula?
É recomendable unha entrevista clínica cun profesional sanitario para:
-Descartar que existan contraindicacións para tomar a pílula.
-Facer unha toma de tensión arterial, para descartar hipertensión.
-Asesorar sobre o método e resolver posibles dúbidas.
2. ¿Que controis hai que facer tras comezar a tomar a pílula?
-Aínda que non é imprescindible, unha visita de control aos 2-3 meses pode resultar beneficiosa para
aclarar posibles dúbidas e comprobar que a pílula se está tomando de forma correcta.
-Sempre se debe acudir a consulta ante calquera dúbida ou problema.
3. ¿Cales son os efectos secundarios máis frecuentes?
-Sangrado irregular: máis frecuente nos primeiros meses, tendendo a diminuír en frecuencia e intensidade co
tempo. Non indica perda de eficacia, nin ten risco de anemia. Entre un 20-30% das usuarias pode ter sangrado
frecuente ou prolongado.
-Ausencia de regra (amenorrea): ocorre no 20% das usuarias. Non ten efectos prexudiciais para a saúde, e pode
representar unha vantaxe para moitas mulleres.
-Náuseas e vómitos: menos frecuentes que coa pílula combinada, poden mellorar se se toma a pílula antes de
durmir ou coas comidas. Se se vomita a pílula nas dúas primeiras horas tras a súa toma, débese volver tomar outro
comprimido.
-Dor de cabeza: menos frecuente que coa pílula combinada, pode aparecer durante os primeiros días de uso. Se
persiste, débese valorar un cambio de método.
-Molestias mamarias: habitualmente melloran co paso do tempo.
-Acne, caída de pelo, aumento da lanuxe: preséntanse con menor frecuencia, sendo a maioría das veces de
carácter leve.
-Aumento de peso: na maioría das mulleres non se producen cambios significativos de peso.
-Alteracións do estado de ánimo: poden aparecer nunha pequena porcentaxe de mulleres. De todos os xeitos,
sufrir unha depresión no pasado non contraindica o seu uso.
4. ¿Produce aumento de peso?
Non. Na grande maioría dos casos non se producen cambios significativos de peso.
5. ¿Que debo facer se me esquecín de tomar a pílula?
-Se pasaron menos de 12 horas, débese tomar canto antes, e seguir tomando o resto das pastillas do envase con
normalidade. Non é necesario utilizar un método anticonceptivo adicional.
-Se pasaron máis de 12 horas, existe risco de embarazo. Débese tomar a última pastilla esquecida e seguir co
resto do envase de forma habitual, usando un método anticonceptivo adicional (preservativo) durante 7 días.
Se mantiveches relacións neste período, é recomendable usar a anticoncepción de urxencia (pílula postcoital ou
DIU).
6. ¿É efectiva a pílula en caso de vómitos ou diarrea?
-Non. En caso de vómitos ou diarrea non existe unha adecuada absorción da pílula.
-Deberá usarse un método anticonceptivo adicional (preservativo), ata 7 días despois de que finalicen
os vómitos ou a diarrea.
7. ¿Poden certos fármacos diminuír a eficacia da pílula anticonceptiva?
Si. Aínda que coa maioría non se producen interaccións, certos medicamentos poden diminuír a eficacia
do implante:
-Antiepilépticos e barbitúricos: fenitoína, fenobarbital, clorpromazina, carbamazepina, oxcarbamazepina,
topiramato, primidona, etosuximida.
-Antibióticos: rifampicina, rifabutina, griseofluvina.
-Antirretrovirais: inhibidores da proteasa reforzados con ritonavir, inhibidores non nucleósidos da
transcriptasa inversa: nevirapina, efavirenz.
-Herba de San Xoán.
8. ¿Cando se debe iniciar a toma da pílula?
Existen 2 opcións:
-Habitualmente empézase a tomar a pílula o primeiro día de regra (día 1 do ciclo menstrual). Desta forma a
pílula é efectiva desde o primeiro día, polo que non é necesario usar ningún método anticonceptivo
adicional.
-Tamén se pode empezar a pílula en calquera momento do ciclo (quick start), sempre que se descarte a
existencia dun embarazo. Tomada así a pílula tarda 7 días en ser efectiva, polo que durante a primeira
semana débese utilizar un método anticonceptivo adicional (preservativo), no caso de ter relacións
sexuais.
9. ¿A partir de que momento é eficaz?
-Se se empeza a tomar a pílula o primeiro día de regra, xa é eficaz desde o primeiro día.
-Se se empeza a tomar a pílula noutro momento do ciclo, tarda 7 días en ser eficaz. Polo tanto, nos 7
primeiros días é necesario usar outro método anticonceptivo adicional (preservativo), se se manteñen
relacións sexuais.
10. Se levo tempo tomando a pílula, ¿debo facer un período de descanso?
-Non. Os períodos de descanso, se non se usa adecuadamente outro método anticonceptivo, aumentan o
risco dun embarazo non desexado.
-A pílula pódese seguir tomando sen un límite máximo de tempo sempre que senta a gusto con ela e non
existan contraindicacións médicas.
11. ¿Existe un límite de idade para tomar a pílula?
-Non. En ausencia de contraindicacións, a minipílula pode tomarse ata a menopausa.
12. ¿Poden tomala as adolescentes?
-As adolescentes, como o resto das mulleres, poden tomar a pílula sempre que non existan
contraindicacións.
13. ¿Que pasa se tomo a pílula estando embarazada?
Non existe evidencia de que a pílula produza malformacións no bebé ou complicacións no embarazo. De
todos os xeitos, a pílula débese deixar de tomar.
14. ¿Pode causar infertilidade?
-Non. A anticoncepción hormonal non afecta á fertilidade posterior.
15. ¿Protexe fronte ás infeccións de transmisión sexual (ETS)?
Non. O preservativo é o único método que protexe fronte ás ETS. Polo tanto, nas relacións de risco, débese
usar tamén sempre o preservativo.
16. ¿Ten efecto sobre o desexo sexual?
Na maior parte das mulleres a función sexual non experimenta cambios e mesmo mellora, xa que
desaparece o medo a un embarazo non desexado. Non obstante, nunha minoría de mulleres pode
ocasionar diminución do desexo sexual.