A PÍLULA
A PÍLULA
Descúbreo na clínica interactiva
Vídeos
explicativos
Animacións 3D
dalle ó play e escolle
Preservativo
masculino
Preservativo
feminino
Diafragma
Capuchón
cervical
Esponxa
vaxinal
Espermicidas
Pílula
Parche
Anel
Hai máis métodos esperándote
Pílula só
xestáxenos
Inxección
trimestral
Implante
DIU
DIU
hormonal
Ligadura
tubárica
Oclusión
tubárica
Vasectomía
Métodos
naturais
ENDEREZO
Rúa Echegaray, 8
36002 / Pontevedra
CONTACTO
email: info@sogac.org
web: www.sogac.org
Copyright © 2021 SOGAC. Todos os dereitos reservados.
¿En que consiste?
É unha pastilla con efecto anticonceptivo que se toma diariamente por
vía oral. Contén estróxenos e proxestáxenos, hormonas similares ás
que produce o ovario nun ciclo natural. Suprime a ovulación,
impedindo así que en cada ciclo o ovario libere un óvulo maduro que
poida ser fecundado polos espermatozoides.
¿Cómo se utiliza?
-Habitualmente comézase a tomar o primeiro día de regra.
-É conveniente tomala sempre no mesmo momento do día. Convén escoller un momento
cómodo e que sexa fácil de recordar, asociado a algo que se faga todos os días, igual en
semana que os fins de semana (por exemplo, ó lavar os dentes, ó comer, ó deitarse, etc.).
Tamén é útil poñer una alarma no móbil, apuntando o día en que se comezou o envase.
-Dependendo do preparado, tómase durante 21-24 días, descansando 4-7 días, ata completar
un ciclo de 28 días.
-Nos envases de 28 comprimidos, o período de descanso coincidirá coas 4-7 pastillas brancas
de placebo, que non levan hormona. Estas pastillas brancas úsanse para recordar mellor cando
remata o período de descanso e se debe iniciar a toma do seguinte envase.
-No período de descanso adoita aparecer o sangrado, que con frecuencia é máis curto e
escaso que a menstruación habitual.
-Tras finalizar o período de descanso, deberá iniciarse a toma do seguinte envase.
-Nunca debe alongarse o período de descanso máis alá de 7 días.
Eficacia
-Ten unha elevada eficacia para evitar un embarazo non desexado, aínda que
esta eficacia é menor comparada con outros métodos, coma o DIU, o implante
e a esterilización masculina ou feminina. O principal inconveniente da pílula é
que depende dun cumprimento estrito da muller. Os erros e esquecementos
son frecuentes, diminuíndo así eficacia do método.
-O índice de Pearl (nº de embarazos/100 mulleres-ano) é de:
∙ 9 na poboación xeral (uso típico)
∙ 0,3 naquelas mulleres que a usan sempre de forma correcta e sistemática,
sen esquecementos (uso perfecto)
-Para aumentar á súa eficacia anticonceptiva, é recomendable o emprego
conxunto co preservativo (dobre método). Co preservativo obteremos unha
elevada protección sobre as infeccións de transmisión sexual (ITS), e asociado
coa pílula aumentaremos a eficacia anticonceptiva.
Beneficios
-Diminución da dor e do sangrado menstrual.
-Melloría do acne e o hirsutismo.
-Adecuado control do ciclo menstrual.
-Melloría do síndrome premenstrual.
-Diminúen o risco de cancro de ovario, endometrio e colon.
-Diminúen o risco de enfermidade inflamatoria pélvica.
-Na premenopausa, diminúe a perda de masa ósea e o risco de
osteoporose.
Inconvenientes
-Aumenta a aparición de problemas cardiocirculatorios, especialmente
en mulleres de risco (fumadoras, obesas, hipertensas ou con
problemas de coagulación hereditarios).
-Pode producir síntomas como dor de cabeza, sensibilidade mamaria,
náuseas, malestar de estómago e pernas pesadas.
-Poden aparecer sangrados intermenstruais, especialmente durante
os tres primeiros meses de uso.
Contraindicacións
-Fumadoras maiores de 35 anos.
-Obesidade (IMC>35)
-Hipertensión arterial.
-Migrañas con aura.
-Diabete de longa evolución ou asociada a complicacións.
-Enfermidade cardiovascular coñecida.
-Mutacións hereditarias nos factores de coagulación ou sospeita deles (antecedente
de episodio trombótico en familiar de primeiro grao antes dos 45 anos).
-Lupus eritematoso sistémico con anticorpos antifosfolípidos positivos ou
descoñecidos.
-Enfermidade hepática.
-Inmobilización prolongada.
-Primeiras 3 semanas postparto (6 semanas se hai outros factores de risco
cardiovascular).
-Lactación materna nos 6 primeiros meses.
-Cancro de mama actual ou pasado.
-Toma de fármacos antiepilépticos ou certos antibióticos, como a rifampicina.
1. ¿Que requisitos son necesarios para tomar a pílula?
É recomendable unha entrevista clínica cun profesional sanitario para:
-Descartar que existan contraindicacións para tomar a pílula.
-Facer unha toma de tensión arterial, para descartar hipertensión.
-Asesorar sobre o método e resolver posibles dúbidas.
2. ¿Que controis hai que facer tras comezar a tomar a pílula?
-É recomendable facer unha toma da tensión arterial, xa que ata un 2% das mulleres poden desenvolver
hipertensión durante o primeiro ano de uso. Posteriormente, débese controlar a tensión arterial coa
mesma periodicidade que o resto da poboación.
-Aínda que non é imprescindible, unha visita de control ós 2-3 meses pode resultar beneficiosa para aclarar
posibles dúbidas e comprobar que a pílula se está tomando de forma correcta.
-Sempre se debe acudir a consulta ante calquera dúbida ou problema.
3. ¿Cales son os efectos secundarios máis frecuentes?
-Náuseas ou vómitos: poden mellorar se se toma a pílula antes de durmir ou coas comidas. Se se vomita a pílula
nas dúas primeiras horas trala súa toma, débese volver a tomar outro comprimido.
-Dor de cabeza: poden aparecer durante os primeiros días de uso. Se persisten, débese valorar un cambio de
método.
-Molestias mamarias: habitualmente melloran co paso do tempo.
-Sangrado irregular (spotting): moi frecuente nos 3 primeiros meses. Non indica perda de eficacia, nin ten risco
de anemia. Se o sangrado persiste máis de 3 meses, débese valorar o cambio a outra pílula distinta.
-Ausencia de sangrado na semana de descanso: ocorre con frecuencia cando se leva tomando a pílula durante
moito tempo. Se a pílula se tomou adecuadamente, sen esquecementos, non é necesario facer unha proba de
embarazo. Se a falta de regra ocorre de forma frecuente e preocupa á muller, pódese valorar un cambio de pílula.
4. ¿Produce aumento de peso?
Non. Na grande maioría dos casos non se producen cambios significativos de peso.
5. ¿Cal é o risco cardiovascular asociado á pílula?
-A pílula aumenta o risco tanto o risco de enfermidade tromboembólica arterial (infarto de miocardio, ictus) como
venoso (trombose venosa profundo, embolia pulmonar).
-Para minimizar este risco, é importante unha adecuada historia clínica para descartar contraindicacións para o
uso da pílula.
-O risco de tromboembolismo dunha muller tomando a pílula é menor que durante o embarazo ou o postparto.
-A mortalidade global das mulleres usuarias da pílula é menor que as non usuarias.
O risco de tromboembolismo venoso estímase en:
-4-5/10.000 mulleres-ano en non usuarias.
-8-9/10.000 mulleres-ano en usuarias de anticoncepción hormonal.
-29/10.000 mulleres-ano no embarazo.
-300-400/10.000 mulleres-ano no postparto.
6. ¿Teñen todas as pílulas o mesmo risco cardiovascular?
Non. O risco cardiovascular varía segundo os dous compoñentes da pílula, estróxenos e proxestáxenos.
-Estróxenos. Canto menor é a dose de estróxenos, menor é o risco cardiovascular. Así, os comprimidos con
20 µg de etinilestradiol teñen un risco menor que os de 30 µg.
-Tipo de proxestáxeno. Os anticonceptivos que teñen como proxestáxeno levonorgestrel, norestisterona e
norgestromina teñen un risco menor fronte os que conteñen dienogest, gestodeno, drospirenona,
desogestrel ou acetato de ciproterona.
7. ¿Que debo facer se me esquecín de tomar a pílula?
-Se se esqueceu 1 pastilla, debe tomarse o antes posible, e seguir tomando o resto das pastillas do envase
con normalidade. Non é necesario empregar un método anticonceptivo adicional.
-Se se esqueceron 2 ou máis pastillas, existe risco de embarazo. Débese tomar a última pílula esquecida
e seguir co resto do envase de xeito habitual, usando un método anticonceptivo adicional (preservativo)
durante 7 días.
Se mantiveches relacións neste período, é recomendable usar a anticoncepción de urxencia (pílula
postcoital ou DIU).
8. ¿Que debo facer se prolongo o descanso máis de 7 días?
Se se prolonga o período de descanso durante máis de 7 días, existe risco de embarazo. Débese comezar
un novo envase e empregar un método anticonceptivo adicional (preservativo) durante 7 días. Se
mantiveches relacións sen protección neste período, é recomendable usar a anticoncepción de urxencia
(pílula postcoital ou DIU).
9. ¿É efectiva a pílula en caso de vómitos ou diarrea?
-Non. En caso de vómitos ou diarrea non existe unha adecuada absorción da pílula.
-Deberá usarse un método anticonceptivo adicional (preservativo), ata 7 días despois de que finalicen
os vómitos ou a diarrea.
10. ¿Poden certos fármacos diminuír a eficacia da pílula anticonceptiva?
Si. Certos medicamentos poden diminuír a eficacia da pílula anticonceptiva:
-Antiepilépticos e barbitúricos: fenitoína, fenobarbital, clorpromazina, carbamazepina, oxcarbamazepina,
topiramato, primidona, etosuximida. Ademais, o uso de anticonceptivos pode alterar o nivel plasmático e a
eficacia de certos fármacos antiepilépticos.
-Antibióticos: rifampicina, rifabutina, griseofluvina.
-Antirretrovirais: inhibidores da proteasa reforzados con ritonavir. Ademais, os anticonceptivos poden
incrementar a toxicidade de certos antirretrovirais.
-Herba de San Xoán.
11. ¿Cando se debe iniciar a toma da pílula?
Existen 2 opcións:
-Habitualmente empézase a tomar a pílula o primeiro día de regra (día 1 do ciclo menstrual). Desta forma a
pílula a pílula é efectiva desde o primeiro día, polo que non é necesario usar ningún método
anticonceptivo adicional.
-Tamén se pode empezar a pílula en calquera momento do ciclo (quick start), sempre que se teña
descartado a existencia dun embarazo. Tomada así a pílula tarda 7 días en ser efectiva, polo que durante a
primeira semana débese empregar un método anticonceptivo adicional (preservativo), no caso de ter
relacións coitais.
12. ¿A partir de qué momento xa é eficaz?
-Se se comeza a tomar a pílula o primeiro día de regra, xa é eficaz desde o primeiro día.
-Se se comeza a tomar a pílula noutro momento do ciclo, tarda 7 días en ser eficaz. Polo tanto, nos
primeiros 7 días é necesario usar outro método anticonceptivo adicional (preservativo), se se manteñen
relacións sexuais.
13. ¿Debe empregarse outro método durante a semana de descanso?
Non é necesario. Se a pílula se toma adecuadamente, non hai risco de embarazo na semana de descanso.
14. Se levo tempo tomando a pílula, ¿debo facer un período de descanso?
-Non. Os períodos de descanso, se non se usa adecuadamente outro método anticonceptivo, aumentan o
risco dun embarazo non desexado.
-A pílula pódese seguir tomando sen un límite máximo de tempo sempre que se estea a gusto con ela e
non existan contraindicacións médicas.
15. ¿Pódese tomar a pílula de forma continuada, sen semana de descanso?
-Si. Certas mulleres poden beneficiarse de non ter menstruacións, tanto por razón médicas (endometriose,
síndrome premenstrual severo, hiperandroxenismo, anemia ou dor menstrual severa, etc.), coma por
motivos laborais ou preferencias persoais.
-A pílula tomada de forma continuada é segura e eficaz, sempre que non se interrompa o seu uso durante
máis de 7 días.
-Poden aparecer con máis frecuencia pequenos sangrados irregulares (spotting), sobre todo os 3 primeiros
meses, aínda que o número total de días de sangrado durante un ano de uso soe ser menor.
-Unha variante da toma continuada son os coñecidos como “ciclos prolongados”, que consisten en facer
cada 2-3 meses un descanso de 7 días, tendo así a regra cada 2-3 meses.
-Cando se toma a pílula de forma continuada, sen descansos, e aparecen durante 3 días consecutivos
sangrado persistente ou molestias tipo regra, é recomendable facer 7 días de descanso para que cesen os
síntomas. Posteriormente volverase a tomar a pílula de forma continuada.
16. ¿Qué ocorre se non me vén a regra na semana de descanso?
-A falta de regra na semana de descanso ocorre con frecuencia cando se leva tomando a pílula durante
moito tempo.
-Se a pílula se tomou adecuadamente, sen esquecementos, non é necesario facer unha proba de embarazo.
-Se a falta de regra ocorre de forma frecuente e preocupa á muller, pódese valorar un cambio de pílula.
17. ¿Existe un límite de idade para tomar a pílula?
-Non. En ausencia de contraindicacións, a pílula pode tomarse ata a menopausa.
-De todas formas, algunhas sociedades científicas aconsellan non usala máis alá dos 50 anos, xa que a
partir desta idade a probabilidade de embarazo é moi baixa, e a pílula aumenta o risco cardiovascular.
18. ¿Poden tomala as adolescentes?
-As adolescentes, coma o resto das mulleres, poden tomar a pílula sempre que non existan
contraindicacións.
-Recoméndanse os comprimidos con 30 µg de etinilestradiol fronte ós de 20 µg ou menos, xa que os de
dose más baixa poden interferir na adquisición dun adecuado pico de masa ósea.
19. ¿Que pasa se tomo a pílula estando embarazada?
Non existe evidencia de que a pílula produza malformacións no bebé ou complicacións no embarazo. De
todas formas, a pílula débese deixar de tomar.
20. ¿Pode causar infertilidade?
Non. A anticoncepción hormonal non afecta á fertilidade posterior.
21. ¿Protexe fronte as infeccións de transmisión sexual (ITS)?
Non. O preservativo é o único método que protexe fronte as ITS. Polo tanto, nas relacións de risco, débese
usar tamén sempre o preservativo.
22. ¿Ten efecto sobre o desexo sexual?
Na maior parte das mulleres a función sexual non experimenta cambios e incluso mellora, xa que
desaparece o medo a un embarazo non desexado. Non obstante, nunha minoría de mulleres pode
ocasionar diminución do desexo sexual.